Monday 20 de May de 2024

A AMTEGA concede o premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre 2015 a un aplicativo web de análise do comportamento humano en vídeos


O gañador foi Xoan Iago Suárez Canosa polo proxecto Aplicación web para a análise do comportamento humano en zonas transitadas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) concedeu o premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre 2015 a Xoan Iago Suárez Canosa polo proxecto Aplicación web para a Análise do comportamento humano en zonas transitadas, aplicación que se encarga de detectar a todos aqueles obxectos ou persoas que aparecen nunha secuencia de vídeo, aplicando un algoritmo para medir o “grao de anormalidade” da súa conduta en base aos movementos que realizan. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Pablo Grela Palleiro polo Sistema de xestión de asociados de CuacFM. Trátase dun sistema de xestión de socios que inclúe pagos a través de paypal, remesas bancarias conforme á norma SEPA, así como en efectivo. Tamén posúe un xestor de actividades tales como formación e programas. Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA

Finalistas
Os outros tres finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:

• Cristóbal García Camoira: Control de posicionamento de vehículos mediante Arduino. Desenvolvemento e construción dun sistema hardware mediante o uso da plataforma ARDUINO e un módulo GPS/GPRS/GSM, que nos permita coñecer en calquera instante a posición na que estea situado o vehículo onde vai integrado.
• Siro González Rodríguez Sistema de atención neurolóxica con WebRTC. Sistema base sobre o que as clínicas de atención médica poidan ofrecer servizo de citas e revisións a distancia. Particularmente enfocado cara unha clínica neurolóxica para avaliar a súa idoneidade nese ámbito concreto.
• María Sineiro Acha Deseño e implementación eficiente de coleccións paralelas en Java. Proxecto que presenta PJC (Parallel Java Collections), unha biblioteca que proporciona una implementación paralela das coleccións Java que incrementa o rendemento das operacións habituais en coleccións cun número significativo de elementos.

Alta participación e calidade
Un ano máis a participación no premio foi moi alta de de calidade, recibíndose un total de 14 inscricións, das que 13 candidatos completaron todos os pasos requiridos nas bases de participación. Este ano destacou tamén a variedade de áreas temáticas, xa que ademais das habituais titulacións Informáticas, houbo tamén proxectos da Escola Universitaria Politécnica de Ferrol, do Máster en Computación en Altas Prestaciones da USC ou da Facultade de Bioloxía da Uvigo.

En canto ás titulacións de orixe dos proxectos, dos 13 candidatos, hai 10 proxectos de fin de grao e 3 proxectos fin de mestrado; mentres que no que respecta á universidade de de orixe, 10 son da Universidade da Coruña, 1 da Universidade de Santiago e 2 da Universidade de Vigo.

Xurado
O xurado estivo composto por Basilio Fraguela, en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet, en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo; Santiago Saavedra da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Eladio Otero en representación da Amtega e Mar Castro Pereiro da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega.

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre
A Amtega convoca este premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2015.

Está é a VIII edición desta iniciativa, que ten por obxectivo o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe un área de traballo en crecemento.